A. C Barca de Loimil

HISTORIA DA ASOCIACION CULTURAL DA BARCA DE LOIMIL

No contexto Social da vila de Arbo, en xullo de 1989, fundouse da man dun grupo de mozos a A.C. Barca de Loimil. Toma o seu nome dun dos pasos fronteirizos, a través de barca, existente no Concello e que, daquela, constitúe todo un símbolo social e cultural do que é un pobo raiano.

E o antigo paso de Loimil entre Arbo e Portugal po-lo Miño po-lo cal recibe o nome esta asociación.

Todo comeza neste paso fronteirizo, facendo que a Barca de Loimil transporte a xente de Arbo ata Portugal e logo de Portugal a Arbo devolvéndoos a súa terra. Un paso fronteirizo esencial para a vida en aqueles anos e do que logo empregaríamos o seu nome para non esquecelo nunca.

A través da continuidade no seu traballo ata a actualidade, esta entidade procurou durante este período converterse nunha institución normalizada e consolidada que fose considerada polos veciños como un medio máis para axudar á mellora e ó benestar de Arbo e contribuír, así, ó seu progreso. Desta maneira os obxectivos últimos que a Asociación Cultural da Vila da Lamprea perseguiu ,na súa curta pero estable vida, e estender unha dinámica cultural no concello, inexistente a finais dos 80, recuperando e comezando moi diversas actividades de carácter popular.

 A asociación cultural Barca de Loimil, que conta hoxe en día con case douscentos cincuenta socios, organizou máis dun centenar de actos socioculturais de moi distintas características: ciclos culturais, recuperacións tradicionais e do antigo, publicacións, teatro, cine, fotografía, música, exposicións, baile galego, excursións, charlas, competicións deportivas, defensa e aproveitamento da natureza, intercambios e relacións con Portugal,...etc. De entre este amplo grupo de actividades convén resaltar a organización do Festival Galego-Portugués de danza que durante moitas edicións fixo desfilar e actuar por Arbo ós mellores grupos de baile de Galicia e do Norte de Portugal. De entre as recuperacións tradicionais destácase a recuperación da música e descrición da Danza a Nosa Señora do Libramento e a organización do serán de Arbo. Para recuperar a memoria histórica do Concello a Asociación recolleu e reproduciu centos de fotografías antigas, representando diferentes aspectos da vida de Arbo no pasado, e publicou un libro cunha escolma de pratos feitos con lamprea .

No seu dia o grupo tradicional de baile e pandereteiras, que se forneceu dos membros da súa escola de danza e percusión, e que levou o nome de Arbo, percorreu coas súas cantigas e danzas propias, por lugares moi dispersos do noso país e do resto do estado, percorrendo tamén, os máis prestixiosos festivais do norte de Portugal.             

Esta actividade permite pensar que o pobo de Arbo conta xa cun referente cultural acolledor e creador.

A asociación constitúe unha barca na que teñen cabida tódolos remeiros que queiran realizar unha pasaxe interminable e frutífera á beira do Miño, e grazas a todos os socios desta fermosa Barca, hoxe seguimos tendo forzas para continuar remando.

O teléfono de contacto é o do Presidente

Lito 615224331 - 634873989

 

 

 


© Concello de Arbo

Plaza Consistorio, 1, 36430 Arbo, Pontevedra

Teléfono contacto: 986 665 000 Fax: 986 665 011