Nova ordenanza de Auga

 

ENTRADA EN VIGOR NOVA ORDENANZA DA AUGA POTABLE

O 1 de xaneiro entrou en vigor a nova ordenanza fiscal reguladora da taxa pola prestación do servizo municipal de abastecemento de auga potable, que pretende adaptarse ás necesidades dos usuarios, racionalizado o custe da súa factura a través dunha facturación por consumo real, incentivando o aforro dun ben tan preciado e escaso como é a auga potable.

Esta nova regulamentación, que modifica a ordenanza do ano 2012, ten como obxecto establecer un sistema recadatorio máis xusto e equitativo, fixando unha cota de mantemento do servizo e regulando as tarifas dos diferentes tramos de consumo á baixa.

Esta novidade tamén permitirá aos usuarios aboar o Canon da Auga da Xunta de Galicia axustado ao consumo real, ao desaparecer as estimacións á alza da anterior regulación.

Para que esta forma de liquidar a taxa sexa máis fiel aos hábitos de utilización, realizaranse medicións cuadrimestrais, que mitigarán as derivas por estacionalidade e detectarán con maior premura as posibles anomalías no servizo.

Outro dos obxectivos principais desta nova ordenanza é a de bonificar a determinados colectivos, alixeirando a carga fiscal das economías máis sensibles, como os perceptores de RISGA ou as familias numerosas.

Esta nova redacción, con fin de emendar unha serie de incongruencias detectados na facturación, inclúe un mecanismo que pondera o exceso de consumo cando fora motivado por unha avaría imprevisible polo usuario, que non afectará ao importe da liquidación cando se demostre a accidentalidade desta.


© Concello de Arbo

Plaza Consistorio, 1, 36430 Arbo, Pontevedra

Teléfono contacto: 986 665 000 Fax: 986 665 011