Quere o Teu mercado

Campaña internacional Quere o teu mercado

Pola súa proximidade e situación estratéxica nas nosas vilas e cidades, os mercados municipais xogan un valioso papel dinamizador e revitalizador dos centros urbanos onde se asentan e facilitan, ademais, a compra completa de alimentos frescos con toda a comodidade e sen necesidade de grandes desprazamentos.

 
Mercar neles é garantía de calidade, bo servizo e atención personalizada así como garantía de boa compra, fomentando o consumo de produtos galegos e ofrecendo a variedade de carnes, lácteos, froitas, verduras, pescados, mariscos, hortalizas…que require unha dieta equilibrada e saudable. 
Xuntan tradición e modernidade, adáptanse ás demandas dos seus clientes, ofertan os mellores prezos en produtos frescos de alimentación e incorporan cada día novos servizos complementarios e personalizados.

Dende hai tres anos a Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Comercio e Consumo, celebra a campaña “Quere o teu mercado”, co obxetivo de apoiar, promocionar e visibilizar o papel dos mercados nas cidades, potenciando así a compra do produto local ao mostrar a profesionalidade dos praceiros e praceiras.

“Quere o teu mercado” é o lema en galego da Campaña Internacional dos Mercados, unha inciativa que a Xunta de Galicia promove en colaboración cos Concellos, as Prazas de Abastos e as Federacións e Asociacións de comerciantes. Por cuarto ano consecutivo e durante a segunda quincena do mes de maio, organizaranse actividades en máis de 90 mercados de Galicia, distribuidos por todo o territorio, incentivando así a creación de novos negocios para a revitalización deste sector do comercio.

Quere o teu mercado (Love Your Local Market), con orixe no Reino Unido, está promovido a nivel internacional pola World Union of Wholesale Markets, e este ano únense Portugal e Brasil aos mercados de España, Reino Unido, Francia, Alemaña, Holanda, Polonia, Italia, Irlanda, Bélxica, Grecia, Dinamarca, Suecia, Hungría, Serbia, Hong Kong e Estados Unidos.

 


© Concello de Arbo

Plaza Consistorio, 1, 36430 Arbo, Pontevedra

Teléfono contacto: 986 665 000 Fax: 986 665 011